A Garda Civil desmantelou un armazón empresarial que operaba nas provincias de Pontevedra e Barcelona dedicado á fraude masiva a través de contratos de arrendamento de vehículos industriais.
A denominada operación "Capitalpo" saldouse coa detención de dous empresarios e a investigación dun terceiro, ademais da recuperación dunha frota de camións, remolques e furgonetas cun valor de mercado que supera os 1,5 millóns de euros.
O sistema utilizado pola rede baseábase na creación dun complexo tecido de sociedades pantalla sen actividade real.
A través destas mercantís, os implicados subscribían contratos financeiros para adquirir os vehículos industriais.
Tras recibir a frota, suspendían de forma sistemática o pagamento das cotas acordadas, pero mantiñan os vehículos en circulación para a súa explotación comercial e ocultaban o seu destino final.
As pescudas comezaron en outubro de 2025. Durante un control rutineiro, unha patrulla do Subsector de Tráfico da Garda Civil interceptou en Sanxenxo un vehículo que figuraba nas bases de datos policiais como subtraído, tras unha denuncia interposta en Madrid.
Por mor deste achado, os axentes localizaron de forma consecutiva varios automóbiles en situacións idénticas.
Entre eles atopábase un turismo de alta gama e diversas furgonetas estacionadas nunha nave industrial da periferia de Pontevedra, que estaba vinculada a unha empresa do sector da construción con sede social en Vigo.
Posteriormente, a localización dun camión denunciado no municipio de Tui permitiu aos investigadores determinar que non se trataba de feitos illados, senón dunha actividade delituosa organizada.
Durante os tres primeiros meses de 2026, a Garda Civil ampliou a procura e conseguiu intervir outros catorce camións e remolques que se atopaban repartidos en diferentes puntos das provincias de Pontevedra e Murcia.
A análise da documentación destapou que os contratos de arrendamento contiñan sinaturas falsificadas que non correspondían aos titulares oficiais, así como cláusulas incumpridas e domicilios fiscais ficticios.
Os investigadores da Garda Civil detectaron que as empresas implicadas na trama figuraban conectadas cos procesos de quebra de varias compañías dedicadas ao sector dos produtos conxelados.
Co avance das probas documentais, os axentes do Grupo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Pontevedra, apoiados polo Grupo GIAT de Tráfico, procederon ás detencións.
O considerado principal responsable do armazón, un empresario relacionado coas firmas de Barcelona e Pontevedra, foi arrestado na capital pontevedresa.
En Vigo, os axentes detiveron o representante da construtora implicada e, de forma paralela en Poio, formalizouse a investigación penal do administrador de varias das sociedades integradas na rede.
Nos rexistros efectuados na sede da construtora en Vigo e nun domicilio particular en Pontevedra, as forzas de seguridade interviron abundante documentación en soporte físico e dixital.
O material incautado foi cualificado polas autoridades como relevante para o desenvolvemento da causa.
As dilixencias xudiciais tramiítanse baixo a dirección do titular da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia Praza 9 de Barcelona.