Desarticulan unha festa ilegal de fin de ano no hotel Augusta de Sanxenxo con clientes de toda Galicia

Sanxenxo
01 de xaneiro 2021

A Policía localizou xa a varios clientes nos accesos ao establecemento ao longo do día e, xa de madrugada, foi ao local e localizou restos da festa e a persoas consumindo na barra. O xerente enfróntase a unha denuncia por varias infraccións consideradas moi graves e que superan os 15.000 euros 

Festa anunciada polo propio hotel
Festa anunciada polo propio hotel

A Policía Local de Sanxenxo desarticulou a pasada madrugada unha festa de fin de ano que se estaba celebrando no hotel Augusta desta localidade, e á que asistían clientes chegados de toda Galicia. 

A Policía localizou xa a varios clientes nos accesos ao establecemento ao longo do día e, xa de madrugada, foi ao local e localizou restos da festa e a persoas consumindo na barra

O balance final da intervención foi o de 20 denuncias tramitadas. Cabe destacar que algúns clientes foron denunciados cando pretendían acceder ao establecemento e, a pesar de todo, deron ao volta e máis tarde regresaron, de modo que foron denunciados dúas veces. 

O establecemento, de catro estrelas, levaba días anunciando en redes sociais a celebración da cea, con barra libre e DJ. Tan pronto se tivo coñecemento, unha patrulla acudiu ao hotel para advertir ao xerente das infraccións ás que se enfrontaba se mantiña a festa na actual situación sanitaria a través dun requirimento por escrito.

Dado que seguiu adiante cos seus plans, finalmente foi denunciado e enfróntase a unha denuncia por varias infraccións consideradas moi graves e que superan os 15.000 euros de sanción.

Durante toda a xornada do xoves 31, a Policía Local incrementou os controis nos accesos ao establecemento e chegaron a interceptar unha vintena de vehículos procedentes de distintos puntos de Galicia como Muxía, Vigo, Lugo ou Ourense que se desprazaban á festa do hotel sen causa xustificada (laboral ou encontro familiar) e saltándose o peche perimetral no que se atopa Sanxenxo. 

Os axentes ordenaron a estes condutores que retornasen ás súas casas previa denuncia que podería endurecerse se finalmente non cumpriron as indicacións. As infraccións por saltarse o peche perimetral ascenden a 600 euros por persoa e será a Consellería de Sanidade a que se encargue de tramitar estas denuncias. No caso das persoas que, tras ser paradas nos controis, acudiron igualmente á festa, serán denunciadas ante a Subdelegación do Goberno. 

Á primeira hora desta madrugada unha patrulla policial acudiu ao hotel para realizar as comprobacións pertinentes. Xa nas inmediacións do establecemento, os axentes localizaron a unha parella do Barco de Valdeorras que non puido xustificar a súa presenza en Sanxenxo, e tras acceder ao interior púidose comprobar restos da celebración e que se estaban servindo copas na barra a varias persoas. 

A Policía Local comprobará nas próximas horas a lista de hóspedes do hotel durante a pasada noite de Fin de Ano. 

O Concello lamenta que un establecemento de gran prestixio como este hotel sexa protagonista deste tipo de accións, que incumpren a normativa sanitaria, e contra as que ten a obrigación de ser "contundente".