O director xeral da Entidade Pública Empresarial de Suelo (Sepes), Lucrecio Fernández, en calidade de presidente da sociedade Suelo Empresarial do Atlántico (SEA), o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e o alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos, pecharon este martes o acordo para o inicio da tramitación do futuro polígono empresarial e industrial da Ran.
No consello de administración de SEA, celebrado este martes, deuse luz verde ao desenvolvemento do polígono, ao acordar a firma do futuro convenio que establecerá as condicións para a tramitación e o financiamento desta área industrial.
Este trámite é o primeiro paso para o desenvolvemento desta área industrial, cuxo proxecto de sectorización aprobouse no 2013 e para o que se constatou que existe unha importante demanda empresarial.
En concreto, segundo explicou a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, trátase do inicio da tramitación para unha área industrial que se situaría na metade sur do ámbito que separa o vial principal, que atravesa actualmente a zona industrial xa existente.
A superficie contemplada no plan de sectorización para o futuro polígono é de 325.635 metros cadrados, dos que se destinarían a industria un total de 200.397 e a equipamentos 78.265.
A execución do polígono realizaríase nunha soa etapa e a cifra prevista de investimento, que compartirán SEA e Consorcio da Zona Franca nun 50% cada entidade, ascenderá a un máximo de 3,5 millóns de euros.
Beatriz Sestayo expresou a súa enorme satisfacción polo acordo alcanzado entre administracións, que permitirá viabilizar unha área industrial para a que se constatou unha importante demanda e que servirá non só de motor económico da zona senón tamén de reclamo para evitar a deslocalización de empresas da comarca.
Unha vez que se asine o convenio -seguinte paso administrativo-, fíxase un prazo máximo para o seu cumprimento de catro anos, nos que se terán que desenvolver os trámites pertinentes, correspondentes á redacción dos proxectos de expropiación, urbanización e reparcelamento.
"Los buenos resultados que ha arrojado SEA en este ejercicio no solo ha posibilitado la creación de nuevos puestos de trabajo en Galicia sino también la apertura de una nueva fase, la de poder construir y emprender nuevos polígonos industriales, dando luz verde al inicio de trámites para la firma de este convenio para el polígono de A Ran, en donde queremos ser proactivos para ser motores de creación de empleo y el establecimiento de empresas", explicou Beatriz Sestayo.
"Se contribuye a generar expectativa y suelo industrial en Cuntis, en donde permitiremos no solo generar suelo industrial para las empresas instaladas sino que generamos suelo para nuevas compañías", asegurou Lucrecio Fernández.