As persoas que visiten a feira de turismo Fitur de Madrid e se descarguen a aplicación de Turismo de Sanxenxo deseñada en IOS e Android para dispositivos móbiles serán potenciais gañadores dunha estanza en Sanxenxo e outros premios de similar natureza.
Así o anunciou o Concello este mércores nun comunicado no que matizan que aqueles visitantes que acudan á feira entre o 28 de xaneiro e o 1 de febreiro e se descarguen esta 'app' terán que completar o cuestionario que se despregará tras a súa apertura e entrarán nun sorteo.
A alcaldesa, Catalina González, adiantou que nesta edición do salón internacional a empresa mixta Turismo de Sanxenxo instalará dous displays promocionais no posto de Galicia. Ademais a entrada ao pavillón español estará flanqueada por dous prismas dedicados a mostrar algúns dos atractivos deste destino turístico, tanto no aspecto patrimonial, como natural.
As persoas que se acheguen ao recinto galego terán á súa disposición ampla información dos servizos do porto deportivo Juan Carlos I e as súas opcións de ocio, os itinerarios guiados por Portonovo e a Casa Mariñeira, ou a oferta lúdica xeral do municipio. Outro dos apartados nos que a empresa mixta centrará a súa acción de difusión será o gastronómico, facendo fincapé en produtos como os concursos Sanxenxo DEgusta TAPAS e Sanxenxo DEgusta DRINK, ou os menús Sanxenxo Degustación.
A alcaldesa reforzará coa súa presenza as accións deseñadas por Turismo de Sanxenxo con motivo desta cita e aproveitará o seu desprazamento a Madrid para asistir o mércores 28 á celebración do Día de Galicia en Fitur á reunión constitutiva do comité interdestinos SICTED da Secretaría de Estado de Turismo 2015-2016 e ao acto de entrega de bandeiras Estación Náutica.
Catalina González tamén acudirá á entrega das Q de Calidade Turística conseguidas para as praias de Silgar, Areas e Canelas e asistirá á asemblea xeral da asociación Villas Marineras. A rexedora sumarase o venres 30 á presentación organizada por Turismo Rías Baixas do libro 'Rías Baixas, azul, praia e sabor a festa'.