Descartan expropiacións no desenvolvemento do polígono industrial de Paradela-Carracedo

Umia
14 de maio 2023

O delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, acudiu a unha reunión coa veciñanza de Paradela e de Carracedo acompañando ao alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, para confirmar o interese da entidade estatal e a vontade de desenvolver os primeiros 400.000 metros cadrados do parque de maneira negociada

O delegado de Zona Franca acode a unha reunión polo polígono empresarial de Paradela-Carracedo
O delegado de Zona Franca acode a unha reunión polo polígono empresarial de Paradela-Carracedo / PSdeG-PSOE

O polígono empresarial de Paradela-Carracedo está un pouco máis preto de converterse en realidade.

O delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, acudiu esta fin de semana a unha reunión coa veciñanza de Paradela e de Carracedo acompañando ao alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, para confirmar o interese da entidade estatal e a vontade de desenvolver os primeiros 400.000 metros cadrados do parque de maneira negociada, tamén cos pequenos propietarios.

Regades confirmou o interese de Zona Franca por seguir expandíndose e establecerse en Caldas como xa o está facendo en Cuntis.

En todo caso no encontro afirmaron que a urbanización e desenvolvemento do parque empresarial farase respectando a vontade das veciñas e veciños propietarios das parcelas máis pequenas, descartando a fórmula da expropiación.

Rey subliñou pola súa banda que a materialización dun polígono é un proceso longo, polo que despois deste primeiro encontro haberá máis reunións cos técnicos urbanísticos e xurídicos. "Pero primeiro de nada", recalcou, "era preciso que os veciños tivesen constancia de que hai financiamento ao 100% da Zona Franca".

Os plans, sinalaron pasan por desenvolver inicialmente 400.000 metros cadrados e, unha vez que sexa necesario, ampliar ata os 500.000 metros cadrados previstos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora