Nas últimas horas, as traballadoras de Bershka decidían en asemblea desconvocar a folga e as protestas previstas con motivo do peche das tendas de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
Segundo indica o sindicato CIG-Servizos, a parte laboral alcanzaba un acordo coa dirección sobre as condicións establecidas para o traslado do persoal destas tendas ao megacentro que o grupo Inditex ten previsto establecer con esta cadea de tendas en Vigo destinado á venda en liña.
A central sindical e o comité de empresa indican que nos próximos días ofrecerán datos concretos sobre os detalles deste acordo. Estaba previsto que a folga do persoal comezase este xoves 26 cunha manifestación polas rúas de Pontevedra durante o venres e unha concentración na Praza de Galicia de Vilagarcía.