Descuberta na illa de Tambo unha especie de musgo única en Galicia

Poio
29 de agosto 2024

A asociación ecoloxista Adega considera que este achado reforza a necesidade de protexer e regular os usos da Illa, pendente da aprobación dun ENIL

Rhynchostegiella tenella, un musgo diminuto descuberto na illa de tambo
Rhynchostegiella tenella, un musgo diminuto descuberto na illa de tambo / Jose Luis Caamaño

A rhynchostegiella tenella é un musgo diminuto, con pólas de até 3 milímetros e follas de até 0,8 milímetros que forma tapices en lugares sombrizos e húmidos. En Galicia só se atopou na illa de Tambo, segundo os datos dispoñibles.

Na Península Ibérica está presente na zona mediterránea e o máis cercano citouse en Asturias. En Portugal continental a observación máis cercana corresponde a Fátima no Distrito de Santarem (Centro).

Esta especie está presente tamén noutras illas atlánticas coma as Azores ou as Illas Canarias que forman, xunto con Madeira e Cabo Verde a área coñecida en bioxeografía como Macaronesia. 

A descuberta na illa de Tambo foi realizada polo botánico, briólogo e enxeñeiro industrial Jose Luis Caamaño que nos últimos anos está desenvolvendo un intenso traballo de exploración da flora briolóxica por moitos lugares de Galicia, con especial interés nas illas do extenso litoral galego. 

O pasado ano 2023, Jose Luis Caamaño participou no inventario botánico da illa de Tambo, promovido pola asociación ecoloxista Adega, que aumentou considerablemente o coñecemento das plantas vasculares da illa, elevando o número de especies coñecidas a un total de 237, e estudou a presenza de especies vexetais, incluidas especies invasoras, nos distintos sectores da illa. 

O colectivo ecoloxista considera que esta nova descuberta incide na "necesidade de exploración da biodiversidade de Galiza e máis na necesaria conservación das áreas de maior interese, especialmente as ameazadas pola expansión do eucalipto".

Asemade, engade Adega, "pon de manifesto a urxencia en protexer a illa de Tambo e a súa contorna", obxecto dunha proposta de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) pendente de se aprobar polo Concello de Poio e a Xunta.