Desde o GALP Ría de Pontevedra chaman ao "sentidiño" mariñeiro neste día de celebración do Carme en Marín

Marín
16 de xullo 2020

Representantes do Grupo de Acción Costeira mantiveron un encontro coa concelleira de Festas Marián Sanmartín no Día da Patroa do Mar. Este ano, con motivo da pandemia, decidiuse suspender a procesión marítima-terrestre tradcional. Só vai desenvolverse unha ofrenda floral en lembranza das persoas falecidas no mar e a bendición das augas

Inicio das Festas do Carme 2020 en Marín
Inicio das Festas do Carme 2020 en Marín / Concello de Marín

Pascual Martínez, irmán maior da Confraría  Virxe  do Carme e Benito Fazanes, do restaurante Kloster de Seixo, integrantes do Grupo de Acción  Costeira (GALP) de Marín, mantiñan un encontro este xoves coa concelleira de Festas Marián Sanmartín con motivo da celebración do Día da Patroa do Mar.

Para o sector do mar, esta xornada é especial pola celebración da festa da Virxe do Carme, unha data marcada tamén no calendario de Marín, que este ano se ve afectada pola pandemia e que obrigou a suspender a procesión marítima-terrestre tradicional na que participaban profesionais do mar. No seu lugar vai levarse a cabo unha ofrenda floral ás 19.00 horas en recordo das persoas falecidas no mar e a bendición das augas a cargo do párroco de Santa María do Porto, que será trasladado polo remolcador Antonio Alonso. Só se admitirá a presenza de pequenos barcos que de forma individual queiran sumarse á comitiva en agradecemento ao coidado das xentes do mar durante todo este proceso vírico, que tivo un gran impacto para o sector

Desde o GALP faise un chamamento a que prime o "sentidiño" e as medidas de precaución durante esta xornada de celebración atípica. Pascual Martínez indica que tamén se adornará o barco desde o que se realizará a ofrenda floral. 

O día grande das festas centrarase noutras actividades como unha batucada por parte de Os da Caña e un pasarrúas a cargo de Os Chaneiros. Tamén se programaron actividades para os menores na Alameda coa actuación de Truque Matruque.

Esta xornada festiva finalizará con concertos en diversos puntos da vila coa intención de que non se rexistren aglomeracións. Terapia de Grupo actuará na Alameda; en Méndez Núñez subirán ao escenario Sara & Sofía; mentres que The Legend amenizará a Praza 8 de marzo. Os Jugones poderanse ver en Augusto Miranda mentres que Chroma actuará en  Ezequiel Massoni durante a noite deste xoves nunhas festas que se abriron o 15 de xullo co pregón do atleta Víctor Riobó.