A moción presentada polo BNG no pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade solicitando a declaración de persoa non grata o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, pola decisión de pechar a sucursal de Carballedo xerou un encontrón entre o alcalde, Jorge Cubela, e o portavoz dos nacionalistas, Ernesto Filgueira, durante o debate deste punto da orde do día.
Aínda que os populares están parcialmente de acordo no contido desta proposta, argumentan que decidiron votar en contra pola negativa do Bloque de admitir unha emenda consistente na supresión de tres puntos da mesma, que consideraban xa debatidos en sesións plenarias anteriores.
O portavoz nacionalista lembrou todos os prexuízos que este peche vai ocasionar tanto aos veciños do municipio como ás empresas da contorna. Criticou tamén que a Xunta non se posicione claramente en contra do banco. Por todo iso, reclamaban tamén como castigo a Abanca a retirada inmediata das contas municipais de Abanca, unha decisión coa que o goberno local está de acordo pero, puntualizan, "aprobamos por unanimidade que co peche da oficina de Abanca en Carballedo imos retirarlles as contas, pero teremos que facelo ordenamente e a prol dous intereses da veciñanza", matizou Cubela.
A sesión plenaria serviu tamén para aprobar a moción presentada inicialmente polo PSOE relacionada coa construción dun vial de circunvalación na contorna de Trabazo. Pola contra, os populares rexeitaron a petición dos socialistas de construír un novo acceso para a praia fluvial de Calvelo.
Tampouco prosperou outra proposta do BNG relacionada coa necesidade de promocionar máis os roteiros de BTT que transcorren polo municipio de Cerdedo-Cotobade, algo que, a xuízo do rexedor, xa se está realizando.
O pleno serviu tamén para dar conta da renuncia á súa acta do concelleiro socialista José Antonio Pazos por motivos laborais. Será substituído por Ana Couto, veciña de Almofrei e arquitecta técnica de profesión.