Desenvolvemento Sostible avanza na rexeneración integral do parque de Valdecorvos

Pontevedra
02 de decembro 2020

Os traballos suporán un investimento global superior aos 50.000 euros, actuando en máis de 1.000 metros cadrados de superficie e creando un pequeno miradoiro

Vista do Parque de Valdecorvos
Vista do Parque de Valdecorvos

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha as obras do proxecto de rexeneración integral do parque de Valdecorvos e de toda a rede de sendeiros e de pasarelas existentes neste contorno natural.

As primeiras actuacións de acondicionamento e limpeza do terreo xa se levaron a cabo por unha brigada de operarios coa axuda de maquinaria retroescavadora e de transporte de trollos e inclúen o aplanamento dos camiños, a eliminación de fochas, a poda e tala de árbores e tarefas de desbroce e sega.

O proxecto, que suporá un investimento global de máis de 50.000 euros, incluirá a creación dun pequeno miradoiro e a óptima pavimentación da totalidade dos sendeiros, actuando en máis de 1.000 metros cadrados de superficie de camiños.

As obras contemplan a restauración e acondicionamento das pasarelas de madeira, pontes e zonas verdes do contorno do parque, así como a renovación das sendas (que presentan problemas de arrastres de material, fochas ou colmatación nas recollidas de pluviais), o reforzo do pavimento de xabre da rede de camiños con estabilizantes para incrementar a súa duración futura e a reposición de arquetas e reixas de recollida de augas en mal estado.

Os elementos de madeira, como a ponte e a pasarela existentes no regato de Valdecorvos e as diversas varandas, escaleiras e pasamáns, serán restaurados na súa totalidade para garantir o mellor uso do espazo e a comunicación entre as diferentes zonas do parque e coa avenida de Lugo.

Substituíranse os elementos en mal estado e realizarase un tratamento para mellorar a conservación de tódalas madeiras do parque.

Por outra banda, na zona oeste do parque hai unha pequena carballeira con exemplares dun importante valor paisaxístico e natural, e estes carballos enmarcan unha fermosa vista cara a cidade e o río Lérez que se pretende aproveitar para xerar un pequeno miradoiro e lugar de estancia.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, agarda que estas actuacións, "que permitirán optimizar e darlle nova vida ao parque máis grande da zona leste da cidade", poidan estar xa "moi avanzadas para finais de ano".