Desestimado o preito de Ence e Elnosa contra as directrices do territorio

Pontevedra
30 de xuño 2014

Esta directiva autonómica prevé o saneamento deste espazo marítimo coa recuperación das marismas de Lourizán despois do fin da concesión no ano 2018. Máis de 600.000 metros cadrados agora ocupados polos recorrentes, o Grupo Ence e Electroquímica do Noroeste (Elnosa)

Veleiro na ría de Pontevedra fronte a ENCE
Veleiro na ría de Pontevedra fronte a ENCE / Juan Mejuto

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou os recursos formulados polas empresas Ence e Elnosa contra as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT).

En palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, esta normativa define ''as regras do xogo para a implantación dos usos e actividades en coherencia coas necesidades sociais, económicas, culturais e ambientais''.

Esta directiva autonómica prevé o saneamento deste espazo marítimo coa recuperación das marismas de Lourizán despois do fin da concesión no ano 2018. Máis de 600.000 metros cadrados agora ocupados polos recorrentes, o Grupo Ence e Electroquímica do Noroeste (Elnosa).

A planta de celulosa e a fábrica de cloro, situadas na ría de Pontevedra, decidiron apelar ao TSXG "ao non ser aceptadas as alegacións contra as DOT que presentaran pola vía convencional no seu momento", segundo se sinalou no seu día dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

As dúas compañías privadas, entenderon lesionados os seus intereses ao presupoñer esta normativa autonómica o seu desaloxo en 2018. Aínda que a Xunta desestimou as peticións das empresas, fíxoo nuns termos que abren a porta á prórroga da fábrica de papel na ría pontevedresa.

Agora o alto tribunal galego desestima as pretensións das empresas pasteira e cloreira para que anulase a normativa territorial que supedita ao remate da conseción no 2018 a recuperación ambiental e paisaxística da ría de Pontevedra.

Contra esta sentenza cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.