"Desplumando" O Grove de especies invasoras

O Salnés
27 de setembro 2025

A expansión de plantas invasoras como a uña de gato e a herba da Pampa é un problema cada vez máis preocupante nas nosas costas

Participantes en el campamento A Terra que habita no mar
Participantes en el campamento A Terra que habita no mar / Galicia Ambiental

Máis de 1.400 quilos de especies invasoras foron retirados do litoral do Grove grazas ao campamento de voluntariado "A Terra que habita non mar 2025".

Esta gran limpeza converte a iniciativa nun exemplo de compromiso co medio ambiente e de acción directa fronte a un problema cada vez máis preocupante nas nosas costas como é a expansión de plantas invasoras como a uña de gato e a herba da Pampa.

Desde o luns 15 até o venres 26 de setembro, once mozos –procedentes de Galicia e de países como a República Checa, Francia, Alemaña e Italia– uniron forzas nun proxecto onde se mesturaron o traballo físico, a aprendizaxe ambiental e a colaboración internacional para coidar unha contorna natural de enorme valor.

E o que lograron en poucos días foi impresionante: 1.451 quilos de especies invasoras, lixo e cascallos foron retirados do litoral grovense.

Estas dúas plantas invasoras, a uña de gato e a herba da Pampa, aínda que vistosas, representan unha seria ameaza para a biodiversidade xa que se expanden rapidamente, colonizan os areais e desprazan á flora autóctona. Por iso, a súa eliminación non só é necesaria, senón urxente.

Nas zonas onde se eliminaron plumeros de herba da Pampa, a Asociación Galicia Ambiental continuará actuando desde abril no marco da Semana Ibérica de Especies Invasoras (SEI), co obxectivo de erradicar esta especie do sur da península do Grove. Xa levan tres anos traballando niso.

Durante o campamento, os mozos contaron co apoio de persoal autorizado do Concello do Grove e monitores ambientais do Cámping Os Fieitás, que garantiron unha intervención segura, eficaz e ben orientada.

Este proxecto forma parte do programa autonómico de voluntariado "Acción de Verán", impulsado pola Xunta de Galicia, e representa unha aposta clara polo coidado da contorna, a sensibilización social e a defensa do patrimonio natural común.

Porque isto non vai só de quitar plantas molestas, trátase de recuperar espazo vital para a flora nativa, protexer os nosos ecosistemas costeiros e frear a perda de biodiversidade.

E neste 2025, a boa nova é que se prevé reducir nun 80% a presenza de herba da Pampa no sur da península do Grove, iniciando ademais a súa erradicación na zona norte.