O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, César Mosquera, anunciou que a retirada da cuberta do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo farase dunha soa vez e non por tramos como se estaba a estudar.
O edil explicou que o Concello conta con ter adxudicada esta obra antes do 30 de xuño.
"A consultora que está traballando vén de realizar unha proposta na que se podería facer obra toda xunta", dixo o edil.
Mosquera deu conta deste asunto nunha rolda de prensa celebrada este martes, 4 de febreiro, na que apuntou que con esta nova planificación "a obra pasaría a costar con preto de 4 millóns".
Este proxecto para destapar e renaturalizar o río Gafos no seu tramo urbano está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
Para financiar este proxecto o Concello de Pontevedra tamén valora a posibilidade de recurrir ao canon de saneamento que paga a empresa concesionaria Viaqua, financiando a parte que corresponde a sacar as tubaxes da canle.
"Realmente é unha boa solución e evitaría moitísimos dos problemas previstos se se fixese por tramos", indicou o concelleiro.
Mosquera conta que no prazo dun mes, de xeito aproximado, a proposta do proxecto estea lista para ser amosada a Augas de Galicia.
AS OBRAS DA SANTIÑA ENTRAN NA ÚLTIMA FASE
Nesta comparecencia o edil César Mosquera tamén anunciou que as obras da Santiña entran na última fase. O proxecto de reforma avanza en prazo e, agás que chova, rematará "rápido".
Practicamente están xa rematadas as arquetas de Unión Fenosa Distribución, polo que a obra entrará nunha fase de remate.
"O ritmo permitirá ver medrar día a día o proxecto para a rúa. Estamos en prazo e todo vai ir moi rápido, desaparecendo a maioría das molestias. Nese sentido, queremos agradecerlle a súa paciencia á veciñanza, que a tiveron. Remataremos pronto", afirmou o concelleiro nacionalista.
A obra de reforma integral da Rúa da Santiña está financiada polas axudas europeoas aos municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostíbel do transporte urbano.