Destinan 200.000 euros ao control sanitario das fontes da Boa Vila

Pontevedra
08 de xuño 2020

A Xunta de Goberno aproba o inicio do expediente para contratar o servizo de control, mantemento e xestión de fontes ornamentais por un período de 4 anos. Na mesma sesión aprobouse a proposta de adxudicación do contrato de seguridade e vixilancia para edificios municipais, e a licitación do contrato de limpeza de dependencias municipais

Fonte da rúa Laranxo
Fonte da rúa Laranxo / PontevedraViva

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou na súa sesión deste luns o inicio do expediente para a contratación do servizo de control, mantemento e xestión de fontes ornamentais cun orzamento de 188.952 euros e un período de 4 anos, prorrogable a un máis.

Desde xeito, sistematizarase o control sanitario das 16 fontes ornamentais da cidade para garantir as condicións de seguridade e hixiene.

O protocolo, que foi elaborado polos técnicos municipais e aprobado pola Consellaría de Sanidade, establece un control exhustivo e de tratamento continuado que inclúe a medición de desinfectantes na auga, un plan de control analítico e de limpeza, e un plan de mantemento.

Este contrato inclúe as fontes da praza de Galicia, a das Palmeiras, a de Campolongo, a dos xardíns Marescot, a da Ferreiría, a da praza da Estrela, a dos Tornos, a do Teucro, a do Peirao, a da praza de Luís Otero, a fonte en Gaiteiro Ricardo Portela, a da rúa Laranxo, a da avenida de Compostela, a de Barcelos, a fonte das Ras e a fonte dos Nenos.