Detectado un caso de gripe aviar nunha gaivota de Marín

Marín
29 de novembro 2024
Actualizado: 7:12

Foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo en Cerdedo-Cotobade. Xa son 21 os casos confirmados na comunidade autónoma durante o ano 2024

Gaivota
Gaivota / Mónica Patxot

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase dunha gaivota patiamarela, atopada en Marín, e dun mascato atopado na Coruña, que foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo en Cerdedo-Cotobade.

As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor.

Con estes novos casos son 21 os confirmados na nosa comunidade autónoma durante o ano 2024.

A valoración de risco de influenza aviaria a nivel do Estado non sufriu variación respecto aos meses anteriores, polo que non existen medidas adicionais respecto ás que xa estaban en vigor desde o pasado mes de maio de 2023. Deste xeito, na data actual mantéñense unicamente en Galicia certas medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á denominada Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

A Xunta indica que, dada a importancia do sector avícola na nosa Comunidade, cómpre continuar implementando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos Servizos Veterinarios Oficiais ou tamén a través do teléfono de atención á cidadanía (012).