Detectados 24 novos contaxios de covid nunha xornada con máis dun milleiro de probas PCR realizadas

Pontevedra
11 de abril 2021

Os casos activos de coronavirus na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés seguen á alza sumando este domingo 11 de abril un total 315, o que supón un incremento de 13 segundo reflicte o balance do Servizo Galego de Saúde

Zona habilitada no exterior do Hospital Provincial para realizar test de covid
Zona habilitada no exterior do Hospital Provincial para realizar test de covid / Mónica Patxot

Os casos activos de coronavirus na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés seguen á alza este domingo 11 de abril, segundo reflicte o balance actualizado ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde.

No que respecta ao área pontevedresa as infeccións activas sitúanse nas 315, o que supón un incremento de 13 casos nas últimas horas.

O número de contaxios detectados é máis elevado, 24, nunha xornada na que se dispararon as probas  PCR realizadas con ata 1.117 test. Pola súa banda 11 pacientes recibiron o alta epidemiolóxica, o que atenúa o incremento de casos activos.

Tamén sobe a ocupación da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo, con tres afectados evolucionando nas súas instalacións, aínda que descende o número total de hospitalizados debido a que os ingresos en planta baixan a 17 (tres menos), repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (15) e o Hospital do Salnés (2).

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 12.537 persoas na área sanitaria, rexistrándose 168 falecementos de pacientes con positivo activo en covid.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico a incidencia sobe lixeiramente este domingo con 2.305 casos activos, o que supón 19 máis. Deles 616 son da área da Coruña (+10), 158 da de Lugo (-2), 176 da de Ourense (+3), 315 da de Pontevedra, 614 da área de Vigo (-11), 357 da de Santiago (+8) e 69 da de Ferrol (-2).

De total de persoas infectadas, 27 están na UCI (dúas máis) e 145 en unidades de hospitalización (tres máis). Ata a data en Galicia rexistráronse 2.368 falecementos asociados ao virus, sen cambios nas últimas horas.