Detectan unha empresa que verteu residuos de cemento na ría seguindo o rastro polas arquetas de Raxó

Poio
21 de maio 2021

 Axentes da Policía Local de Poio denunciaron a xerencia da empresa como presunta responsable dunha vertidura de cemento que chegou ao mar na zona de Sinás. O infractor exponse a unha sanción económica que pode ir desde os 1.500 aos 5.000 euros

Vertedura de cemento nas Sinás, en Raxó
Vertedura de cemento nas Sinás, en Raxó

Técnicos da empresa de augas Viaqua detectaban na tarde do mércores, tras recibir unha chamada de denuncia, unha mancha na ría na zona de Sinás na parroquia de Raxó. Representantes da concesionaria da xestión de augas e axentes da Policía Local de Poio trasladábanse ata a zona e comprobaban nunha primeira revisión a existencia dun líquido espeso de cor gris que relacionaron con restos de cemento procedentes dunha obra que se executaba en Raxó para a realización dun muro de contención.

Os operarios de Viaqua seguiron o rastro polas arquetas da zona ata dar co punto en que se orixinou a vertedura. Ese punto de orixe atopábase na zona onde unha empresa estaba a realizar a obra. Agora, a xerencia desta entidade exponse a unha sanción económica que vai desde os 1.500 aos 5.000 euros, tras a denuncia tramitada pola Policía Local de Poio. 

A Lei 9/2010 de  Augas de Galicia establece estas multas para verteduras que poidan alterar a calidade da auga ou das condicións ambientais e hidráulicas do medio receptor, se se efectúan sen o pertinente permiso. No caso de que estas accións causen danos valorados nunha cantidade superior aos 15.000 euros, a sanción será aínda máis elevada.

Antonio Duarte, xefe da Policía Local de Poio, destaca que, nesta ocasión, foi posible localizar ás infractores grazas ao seguimento que se realizou dos restos a través da rede de saneamento. Pero tamén lembra que hai casos de verteduras que se realizan en zonas apartadas do rural ou en espazos públicos concretos nos que resulta máis complicado detectar a orixe. Ante esta situación fan un chamamento á cidadanía para que, se detectan unha acción destas características, contacte coas dependencias policiais para que se inicie a investigación.