Detectan vertidos de residuos fecais de autocaravanas en Chancelas

Poio
21 de agosto 2021

O Concello de Poio insta os propietarios destes vehículos para empregar a área de estacionamento de autocaravanas da Seca para o baleirado das augas negras

Control de autocaravanas en Poio
Control de autocaravanas en Poio / Policía Local de Poio

A tenente de alcalde e responsable da área de Obras e Servizos, Chelo Besada (PSOE), insta aos propietarios e propietarias das autocaravanas estacionadas nas inmediacións do colexio de Chancelas, en Combarro, a que “utilicen a área de servizo específica para este tipo de vehículos da que dispoñemos na Seca”.

Besada fixo este recordatorio logo de comprobar que algunhas autocaravanas fixeron uso da rede de pluviais nesta zona para o vaciado de augas negras, unha  práctica que “está totalmente prohibida” e que pode ser motivo de importantes sancións económicas, indica a edil do goberno municipal.

Cómpre lembrar que durante a temporada estival o número de prazas para estacionar na área da Seca amplíase substancialmente, ao poder utilizarse durante  estes meses de verán o campo de billarda. A concelleira de Obras e Servizos sinala que, ante estes feitos, “estamos coordinándonos co departamento de  Seguridade Cidadá para que na zona de Chancelas os aparcadoiros sexan exclusivos para turismos”.