A Policía Local de Pontevedra procedeu á detención dun home como presunto autor dun delito de violencia de xénero despois dun altercado acontecido na tarde do sábado 27 de xuño no interior da vivenda que comparte coa súa parella.
Os axentes desprazáronse ata o inmoble, onde o home declarou que mantivera unha disputa verbal coa muller durante a hora do xantar.
No interior da casa, a patrulla policial comprobou a existencia de restos de comida espallados polo chan e diversos elementos do mobiliario danados, entre eles unha cunca rota.
A vítima atopábase nese momento pechada nunha das habitacións do domicilio.
Segundo o relato ofrecido pola muller aos policías, a discusión incrementou a súa intensidade ata que o home colleu unha tixola con comida co obxectivo de guindalla por riba.
A vítima declarou que estendeu as mans para protexerse, acción coa que lle causou un rabuñazo no pescozo ao home.
Despois deste movemento, o presunto agresor golpeouna cun puñazo na cara e comezou a romper diferentes obxectos do fogar.
A muller manifestou tamén ante os axentes que non se trataba da primeira ocasión en que ocorrían feitos de natureza violenta no ámbito da parella.
No momento no que se produciron os feitos, no interior da vivenda estaban tamén as fillas do home, nadas no ano 2008. Ámbalas permaneceron nun cuarto distinto durante o altercado, polo que non presenciaron de forma directa a agresión física.
Os axentes da Policía Local, ante estas circunstancias, formalizaron a detención do home.