Deteñen en Pontevedra un narco español fugado de Italia e con condenas pendentes a 40 anos de prisión

Pontevedra
31 de outubro 2025

É un dos líderes dunha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas a nivel internacional e vivía en Cerponzóns. Ten unha condena en Italia a 30 anos e outra na Audiencia a 10

Patrulla da Policía Nacional de Pontevedra
Patrulla da Policía Nacional de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Nacional localizou e detivo en Pontevedra un narcotraficante que figuraba como fuxido da xustiza italiana e da española.

De nacionalidade española, está considerado un dos líderes dunha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas a nivel internacional e, tras fuxir de Italia, tívose coñecemento de que podería estar escondido en España.

Os investigadores italianos solicitaron a colaboración da a Policía Nacional en España nada máis coñecer que o fugitivo podería fuxir a este país.

Por este motivo, activáronse rapidamente os mecanismos de cooperación policial internacional.

Recibida a alerta, a Policía Nacional iniciou unha investigación que concluíu coa súa localización en Pontevedra.

Os axentes montaron un dispositivo de vixilancia na vivenda na que residía na parroquia pontevedresa de Cerponzóns e alí foi finalmente detido.

O home tiña en vigor unha orde de detención e ingreso en prisión ditada por un tribunal itialiano por un delito de tráfico de drogas polo que foi condenado no ano 2017.

Foi condenado a 30 anos de prisión como parte dunha organización dedicada a transportar grandes cantidades de cocaína desde Colombia a Italia entre os anos 2014 e 2015.

Ademais, ten en vigor unha orde de detención e ingreso en prisión dictdada pola Audiencia Provincial de Pontevedra tamén para cumprir outra pena pendente de 10 anos de prisión por outro delito de tráfico de drogas.