Deteñen un veciño de Poio por un caso de violencia doméstica tras quebrantar unha orde de afastamento

Poio
18 de agosto 2024

Sucedeu este sábado 17 de agosto. O home foi detido por axentes da Garda Civil e a Policía Local de Poio tras recibir unha alerta do 112

Axentes da Policía Local de Poio
Axentes da Policía Local de Poio / Mónica Patxot

As forzas de seguridade interviñeron este sábado 17 de agosto en Poio ante un episodio de violencia doméstica e relacionado con violencia de xénero.

Segundo informa a Policía Local de Poio, axentes do corpo de seguridade municipal conxuntamente coa Garda Civil detiveron un mozo veciño da localidade.

Acúsaselle dun presunto delito de violencia doméstica e doutro de quebrantamento de condena por non cumprir cunha orde de afastamento vixente cara a unha vítima de violencia de xénero.

Os axentes acudiron á vivenda na que se produciu o suceso alertados polo 112, procedendo á detención do home para dar protección ás vítimas e instruíndo dilixencias para o seu paso a disposición xudicial.

É a segunda detención destas característas esta semana en Poio, tras a efectuada o xoves tras unha forte discusión dunha parella, procedente de Vigo.