A Policía Local de Poio informou da detención dunha muller de 35 anos veciña do municipio sobre a que pesaba unha orde de procura, detención e ingreso en prisión.
O arresto tivo lugar o pasado luns, 13 de febreiro, sobre as 12:30 horas, despois de que os axentes fosen notificados polo Xulgado de Vixilancia Penitenciaria de Pontevedra para que procedesen á localización e traslado a prisión desta muller por un presunto delito de quebrantamento de condena.
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Local de Poio, unha vez detida esta muller foi trasladada ás dependencias policiais para iniciar as dilixencias pertinentes e o seu posterior traslado ao Centro Penal da Lama.
Esta foi a segunda detención que leva a cabo a Policía Local de Poio no que vai de ano por procuras con ingreso en prisión.
En 2024 e 2023, foron nove as persoas detidas pola Policía Local por diferentes causas. Mentres que en 2022 e 2021, foron once os detidos.
Ente os motivos das detencións destacan os delitos relacionados coa violencia de xénero, que suman un total de 17 arrestos. Séguenlle os atentados contra a autoridade, con sete detencións, as procuras de persoas con ordes de ingreso en prisión, que ascenden a seis casos; os roubos con catro; condución temeraria, dúas detencións; delitos contra a saúde pública, outras dúas; igual número de detidos por lesións graves e, por último, un arrestado por estafa.