Un home de 71 anos foi detido pola Policía Local de Pontevedra acusado de exercer violencia de xénero de forma recorrente sobre a súa parella, unha muller de 41 anos, polo menos, durante os dous últimos anos.
A intervención policial, que se produciu na madrugada do pasado 22 de abril, comezou cando os axentes se desprazaron a unha vivenda tras ser alertados de que un home estaba a ameazar á súa parella.
A muller, que estaba nun estado evidente de nerviosismo segundo explica a Policía Local, explicoulles que a súa parella a abordou en rúa antes de chegar ao domicilio familiar, ameazándoa con botala da casa.
Aínda que a relación entre ambos duraba xa seis anos, a vítima relatou que os problemas comezaran hai dous anos, debido ao carácter "extremadamente controlador" del,
Así, segundo a súa versión, exercía un "control férreo" sobre ela, chegando a abrir a súa correspondencia e prohibíndolle saír coas súas amizades, unha situación que lle provocou ataques de ansiedade que requiriron asistencia médica.
Ademais da violencia psicolóxica e as constantes ameazas de deixala en rúa xunto cos seus fillos, a muller contou aos axentes diversos episodios de violencia física, indicando que fora zarandeada e empuxada polo peito e polas costas en varias ocasións.
Nun dos episodios máis violentos, o agresor chegou a propinar unha puñada contra a parede, xusto diante da cara da vítima.
A muller indicou que nunca denunciara a situación con anterioridade por medo a quedar sen fogar cos seus fillos, ao carecer de medios económicos para independizarse.
Os axentes tamén tomaron declaración a unha testemuña, quen corroborou a versión da vítima, sinalando que as discusións entre ambos eran moi acaloradas e que o home adoitaba porse moi violento.
Á vista do exposto e das probas e testemuños solicitados, a Policía Local detivo o septuaxenario como presunto autor dun delito de violencia de xénero.