Ata 119 doses de heroína, repartidas en envoltorios de plástico, levaba consigo un home de 44 anos cando foi detido pola Policía Local de Pontevedra. É a maior incautación efectuada por este corpo municipal nun mesmo operativo.
Os feitos ocorreron o pasado venres 13 de novembro, contra as cinco da tarde. Unha patrulla da Policía Local detectou un ciclomotor pola rúa Rosalía de Castro, á altura da gasolineira de Mollavao, que tiña a ITV caducada segundo comprobaron por medios telemáticos.
Tras darlle o alto e requirirlle a documentación, o condutor comezou a mostrar un gran estado de nerviosismo e os axentes decidiron, como marcan os protocolos de actuación, facerlle un test para comprobar se consumira drogas. O control deu positivo en TCH e opiáceos.
Ante este resultado, os axentes rexistrárono e atoparon que tiña unha bolsa de plástico con papelinas de heroína preparadas para a venda, segundo acabou recoñecendo.
O detido deberá responder no xulgado de instrución de garda por un presunto delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas.
Ademais, a Policía Local tramitou dúas denuncias ante Tráfico, por conducir baixo os efectos das drogas e ter a ITV caducada, e inmobilizou o ciclomotor polas infraccións cometidas.