A Policía Local de Pontevedra detivo un mozo de 18 anos como investigado por un delito contra a saúde pública.
A intervención policial tivo lugar o luns 8 de xuño ás 21:30 horas, cando os axentes comisaron unha substancia estupefaciente, unha báscula de precisión e útiles destinados ao fraccionamento da droga.
Os feitos sucederon mentres unha patrulla realizaba tarefas de prevención na rúa e detectou un grupo de mozos sentados nun banco, segundo informa o Concello de Pontevedra.
Nese momento, un dos integrantes do grupo realizou un movemento para desprenderse dun obxecto, unha acción que motivou a inspección da contorna por parte dos axentes.
Os policías acharon no chan unha báscula de precisión e, de seguido, efectuaron un rexistro superficial ao sospeitoso.
Comprobaron que portaba unha bolsa que contiña 43,62 gramos dunha substancia de cor marrón, identificada de xeito preliminar como haxix, xunto con bolsas pequenas con peche hermético.
Unha vez nas dependencias policiais, o mozo recoñeceu que o dispositivo de pesaxe era da súa propiedade.
Os axentes formalizaron a súa detención por un presunto delito de tráfico de drogas.