A Garda Civil de Sanxenxo acaba de pór fin a case unha década de fuga de Jorge Cono Fernández Barral, coñecido narcotraficante do Salnés condenado no ano 2016 a 10 anos de prisión pola súa relación cos 2.200 quilos de cocaína do pesqueiro 'Ratonero'.
Este veciño do Grove de 59 anos tiña en vigor unha orde de procura e ingreso en prisión ditada pola Audiencia Provincial de Pontevedra desde hai oito anos.
A sección quinta do tribunal provincial xulgou o alixo deste buque interceptado polo EDOA da Garda Civil e ditou sentenza con penas que superan os 100 anos de cárcere e máis de 1.600 millóns de euros en multas para nove acusados de narcotráfico. A Jorge Cono, cuñado do patrón do buque e considerado responsable do pertrecho e loxística, impúxolle 10 anos e 9 meses de cárcere e 180 millóns de euros de multa.
A investigación iniciouse en abril, cando a Garda Civil empezou a sospeitar que este home vivía nun domicilio da súa contorna familiar, na comarca do Salnés, e tivo coñecemento de que acudira a un centro médico psicotécnico de Lugo para renovar o seu carné de conducir.
Os axentes traballaban coa posibilidade de que alterara o seu aspecto físico e de que utilizase outro nome.
Montaron unha serie de vixilancias e finalmente, localizárono o 15 de outubro cando baixaba dun autobús en Vilalonga (Sanxenxo). Alí recolleuno un vehículo conducido por unha persoa que resultou ser un familiar.
Os axentes interceptaron o vehículo e, nese momento, o sospeitoso, fuxiu a pé, aínda que lograron detelo pouco despois.
Os investigadores confirmaron a súa identidade mediante a proba biométrica de verificación das impresións dixitais e puxérono a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, que decretou o seu ingreso en prisión.
Desde a Garda Civil destacan que a súa detención representa "un paso máis na loita diaria contra o narcotráfico e as redes criminais que o fan posible", e para deter a aqueles que tratan de eludir a acción da xustiza.