Detido por ameazar a súa muller cun 'accidente' escaleiras abaixo

Pontevedra
28 de marzo 2017

Todo ocorreu sobre as 16.00 horas deste domingo 26 de marzo. Unha muller chamou á Policía Local de Pontevedra asustada denunciando que estaba a ser ameazada polo seu marido diante dos seus fillos menores de idade. Confirmouno aos axentes en persoa e tamén que non era a primeira vez, que non aguantaba máis e temía pola súa vida

Patrulla da Policía Local de Pontevedra
Patrulla da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

Un veciño de Pontevedra de 49 anos foi detido pola Policía Local na tarde do domingo por un delito de violencia de xénero por ameazar á súa muller no domicilio familiar con que podería ter un "accidente" no que caese polas escaleiras. 

Segundo informou a Policía Local, todo ocorreu sobre as 16.00 horas deste domingo 26 de marzo nunha rúa de Pontevedra da que non se achegan detalles para preservar a intimidade da vítima. Unha muller chamou á Policía Local de Pontevedra asustada denunciando que estaba a ser ameazada polo seu marido diante dos seus fillos menores de idade. 

Unha patrulla policial desprazouse ao lugar e, cando chegaron, atopáronse cun home que resultou ser o marido na entrada da casa e ela no acceso á mesma, chorosa e asustada. Relatou aos axentes que o home a ameazara e temía que regresase a casa e provocáralle ese "accidente". 

A muller engadiu que non era a primeira que a ameazaba, senón que facía bastante tempo que ocorría e que non aguantaba máis e temía pola súa vida. Á vista do seu relato, procederon á detención do home e o seu traslado á Comisaría da Policía Nacional por un delito de violencia de xénero. 

Os fillos da parella, de 7, 12 e 15 anos, quedaron a cargo dunha amiga da familia e a presunta vítima formalizou a denuncia polas ameazas.