A Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa detivo a un veciño desta localidade por un delito de tráfico de drogas por presuntamente vender haxix, marihuana, cristal e cocaína.
A súa detención enmárcase no Plan contra o menudeo e pequeno tráfico de drogas da Policía Nacional, no que en Vilagarcía realizan múltiples dispositivos para atallar o pequeno tráfico de substancias estupefacientes e tratar de erradicar os puntos negros de venda de drogas.
O detido foi interceptado polos axentes nun destes dispositivos cando levaba a cabo diferentes transaccións de droga en plena vía pública.
Tras ser identificado, os axentes atoparon ocultas nas súas roupas distintas cantidades de droga: cinco bolsas de marihuana, unha bolsa de MDMA (cristal), oito dose de cocaína e 24 dose de haxix. Tamén levaba encima billetes fraccionados.
Desde a Policía Nacional destacan o labor das unidades de investigación de policía xudicial e seguridade cidadá xunto coa delegación de participación cidadá, a través da cal se canalizaron as queixas veciñais pola existencia dos puntos negros.