Un condutor foi detido no serán deste domingo tras provocar tres accidentes na autoestrada AP-9 nos que resultaron feridas tres persoas. Circulaba por esta vía de alta capacidade en sentido contrario, provocou primeiro dous choques frontais e logo unha colisión múltiple.
Segundo confirmou a Garda Civil de Pontevedra, trátase dun veciño de Domaio de 59 anos que accedeu á autoestrada sobre as 19.30 horas da tarde do domingo pola ligazón de Vilaboa, que está localizado no termo municipal de Moaña. Ao decatarse de que se equivocou, deu a volta e empezou a circular en sentido contrario, pasando a converterse nun condutor kamikaze.
Provocou primeiro dous choques frontais con outros tantos vehículos e logo unha colisión múltiple. En total, houbo tres persoas que resultaron feridas e tiveron que ser trasladadas con feridas leves ao hospital Álvaro Cunqueiro, segundo a información facilitada pola Garda Civil. O 112, con todo, fala de 11 persoas implicadas e un só ferido.
Os axentes de Tráfico que se desprazaron ao lugar do accidente someteron ao condutor á proba de alcoholemia e deu resultado positivo. Cuadriplicaba a taxa permitida para levar un vehículo ao lanzar un resultado de 1,05 miligramos de alcol por litro de aire expirado.
A Garda Civil procedeu á súa detención como suposto autor de varios delitos: un delito contra a seguridade viaria por condución alcohólica, un delito contra a seguridade viaria por condución temeraria e un delito de lesións e outro de danos por causar tres feridos.
O home foi trasladado nun primeiro momento á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e, horas despois, comunicou aos axentes que tiña unha dor no peito e foi trasladado a un centro hospitalario. Alí detectáronlle unha fisura no esterno e quedou ingresado. Permanece hospitalizado baixo custodia policial.
O sinistro produciuse ás 19:30 horas da tarde deste domingo, tal e como consta nos rexistros de chamadas de emerxencia ao 112 Galicia.
Efectivamente, foron varias as persoas que utilizaron este servizo para comunicar o que sucedera, e reiterar que había un condutor circulando en dirección contraria. Con esta información, pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias e dos axentes de seguridade, co fin de comprobar os datos facilitados polos alertadores.
UN MOTORISTA CAUSA UN ACCIDENTE
Non foi o único accidente que se produciu no concello de Vilaboa. Máis tarde, sobre a unha da madrugada, outro sinistro, esta vez, na AP-9, en sentido Vigo, á altura de Cobres, unha moto alcanzou a un turismo. Despois, un pouco máis adiante, o motorista sufriu unha caída e resultou ferido.
A secuencia das chamadas ao 112 Galicia efectuáronse da seguinte maneira: cuns minutos de diferenza, primeiro rexistrouse unha caída de moto cun condutor que se queixaba e pedía axuda; e despois a condutora dun turismo que notara un forte golpe no seu vehículo, pero sen poder identificar a súa orixe. Coas inspeccións realizadas polos axentes da Garda Civil de Tráfico sóubose que, finalmente, fora o motorista quen chocara co seu vehículo contra o coche e despois sufrira a caída.
Tamén neste caso foi necesaria a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.