Detido un dos veciños que agrediu á Policía Local e a Garda Civil no Vao por roubar nunha panadería de Sanxenxo

Barro
02 de febreiro 2021

Ademais de dar por resolto o roubo de Sanxenxo, a Garda Civil continúa as investigacións para determinar se se trata da mesma persoa que o domingo puido estar en varios domicilios de Ribadumia, Baión e Barro. Pediría diñeiro para o carburante do coche, coa suposta intención de cometer roubos nas vivendas

Patrulla da Garda Civil en Sanxenxo
Patrulla da Garda Civil en Sanxenxo / Guardia Civil de Pontevedra

A Garda Civil logrou esclarecer un roubo con violencia ocorrido a pasada fin de semana nunha panadería de Sanxenxo coa detención dun veciño do poboado do Vao, en Poio, con numerosos antecedentes policiais, entre eles, o ataque a axentes da Policía Local de Poio e a Garda Civil nese poboado o pasado mes de maio.

As investigacións, levadas a cabo por efectivos do posto principal da Garda Civil de Sanxenxo, iniciáronse o pasado domingo ao ter coñecemento de que se cometeu un roubo con violencia nunha panadería, no que un individuo, tras forcexear coa empregada detrás do mostrador, arrincou a caixa rexistradora.

O ladrón logrou apoderarse da recadación, uns 100 euros en efectivo, e deuse á fuga nun vehículo que tiña estacionado nas inmediacións.

As indagacións concluíron coa identificación e detención do presunto autor, que fora detido en maio pola agresión, con paus e pedras, a policías locais e gardas civís. 

Ademais de dar por resolto o roubo de Sanxenxo, a Garda Civil continúa as investigacións para determinar se se trata da mesma persoa que ese mesmo día puido estar en varios domicilios de Ribadumia,  Baión e Barro

Segundo a Garda Civil, este home pediría diñeiro para o carburante do coche, coa suposta intención de cometer roubos nas vivendas.

Os feitos investigados foron postos en coñecemento do Xulgado de Garda de Cambados, onde o detido deberá comparecer cando sexa requirido.