A Policía Nacional detivo un home por un delito de violencia de xénero.
A detención produciuse despois de que a súa parella tentase quitarse a vida o pasado domingo tirándose da ponte do Burgo. O suceso tivo lugar o pasado sábado 29 de abril, ás 13.15 horas.
Segundo informaron desde o Concello de Pontevedra, a muller previamente telefonou á Garda Civil para denunciar as agresións e ameazas que estaba a sufrir por parte da súa parella, á vez que anunciou a súa intención de quitarse a vida tirándose ao río.
Desde o instituto armado alertaron á Policía Local. Unha vez localizada nas inmediacións da ponte e nun evidente estado de ansiedade, relatoulle aos axentes que discutira en varias ocasións coa súa parella e que a amenazara de morte.
Tamén lles indicou que non era a primeira vez que lle sucedía algo similar chegando "a romper os mobles a patadas". Ante esta situación a muller indicoulles que tiña medo de que a matase e que quería suicidarse. Foi atendida por unha ambulancia no lugar que decidiu o seu traslado a Montecelo polo seu estado de ansiedade.
O home foi detido nun céntrico hotel da cidade onde estaba a residir coa súa parella desde facía un mes. Este individuo estaba xa en busca e captura por non ingresar en prisión.