A Policía Local de Pontevedra detivo nas últimas semanas a un mozo de tan só 18 anos como suposto autor dun delito de violencia de xénero sobre a súa parella, menor de idade. Foi arrestado tras un episodio de violencia machista que se rexistrou en plena rúa e chegou ás autoridades grazas á colaboración veciñal.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, os feitos sucederon o domingo 28 de agosto, sobre ás 20.30 horas. Unha muller presenciou como un mozo estaba a agredir a unha rapaza propinándolle un lapote e empurróns e puxo os feitos en coñecemento dos axentes.
Esta muller que fora testemuña da agresión facilitou á Policía Local unha descrición dos dous implicados e os axentes lograron identificalos. Nun primeiro momento os dous manifestaron que se trataba dunha discusión.
Dado que a testemuña se reafirmou en que houbera agresión, finalmente, a vítima recoñeceu que, efectivamente, a agrediu.
A vítima era menor de idade, de maneira que a Policía contactou coa súa nai. A muller relatou que non era a primeira vez que o facía e contou aos axentes unha situación de violencia machista que incluía tanto agresións físicas como psicolóxicas.
Así, a nai contou que o home estaba a acosar continuamente á súa filla, chegando a chamar durante a noite ao timbre da vivenda en reiteradas ocasións, gritándolle e insultando á súa filla que baixase.
Os axentes municipais procederon á detención do mozo e agradecen a colaboración cidadá, que foi determinante para a detención.
A concellería de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra, que dirixe Eva Vilaverde, agradece a implicación dos veciños e veciñas de Pontevedra para a erradicación delitos de violencia de xénero e lembra que, a tratarse de delitos cometidos no ámbito privado, moitas vítimas teñen dificultade para denunciar, de maneira que a solidariedade e a implicación da sociedade resulta fundamental.