Detido un mozo de 18 anos por agredir á súa parella de 15, que non quere denuncialo

Pontevedra
19 de agosto 2021

Todo sucedeu sobre as 22.40 horas do martes na avenida Bos Aires e resultou crucial a colaboración veciñal. Segundo relataron os implicados, ela agrediuno a el propinándolle varias labazadas e el pegoulle a ela varias puñadas. Ela defendeuse con patadas e el mordeulle a cara e deulle varios golpes en diversas partes do corpo

Moto da Policía Local de Pontevedra no casco histórico
Moto da Policía Local de Pontevedra no casco histórico / Cristina Saiz

A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado martes un mozo de 18 anos como presunto autor dun delito de violencia de xénero por agredir en plena rúa á súa parella, unha menor de 15 anos. Despois da agresión, foron alertados os pais da rapaza menor e a familia manifestou que non van presentar denuncia e que xa o arranxarían entre eles.

Todo sucedeu sobre as 22.40 horas do martes 17 de agosto na avenida Bos Aires e resultou crucial a colaboración veciñal, pois unha testemuña alertou á Policía Local de que cando paseaba pola citada avenida observou como unha parella nova estaba a agredirse. Esta persoa escoitou berros dunha moza que pedía que alguén chamase á Policía.

Unha patrulla desprazouse ata a zona e localizou á parella. Os axentes entrevistáronse cun mozo e unha moza por separado e os dous confirmaron que son parella sentimental e que, por mor dunha discusión, agredíronse mutuamente. Ela agrediuno propinándolle varias labazadas e el pegoulle a ela varias puñadas.

Segundo relataron, a moza defendeuse con patadas e nese instante o mozo mordeulle a cara e deulle varios golpes en diversas partes do corpo. A rapaza presentaba varias lesións visibles na cara, unha marca na parte esquerda do queixo producida pola dentada que lle propino o seu noivo e sangue na enxiva.

Os axentes recolleron varias testemuñas que confirmaban o relatado pola parella, polo que os axentes procederon á detención do home, de 18 anos de idade. 

A muller é menor de idade, de tan só 15 anos, de modo que foron avisados os seus pais. Ademais de negarse a recibir asistencia sanitaria, a familia manifestou que non van presentar denuncia e que xa o arranxarían entre eles.

A Policía Local destaca que a solidariedade e a colaboración cidadá foi determinante para atallar este delito. Resulta crucial a implicación da sociedade especialmente en casos como este, onde, tratándose dunha menor, a familia manifesta a súa vontade de non presentar denuncia. A acción directa dos cidadán neste tipo de delitos, neste caso co seu testemuño é imprescindible para que a policía actúe de oficio e poida proceder á detención desta persoa e poñela disposición xudicial.