Detido un mozo por pegar á súa parella diante dos fillos, de curta idade

Pontevedra
08 de xaneiro 2017

A detención foi posible grazas á colaboración cidadá. Todo ocorreu pouco despois da media noite. Un veciño chamou por teléfono á Policía Local alertando dunha forte discusión entre un home e unha muller no interior dunha vivenda na que escoitou o seus berros e choros de nenos 

Patrulla da Policía Local de Pontevedra
Patrulla da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra detivo na noite do xoves 5 de xaneiro un veciño de Pontevedra de 33 anos como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras presuntamente agredir a súa parella no domicilio familiar en presenza dos seus fillos, de curta idade. 

Segundo informou a Policía Local, a detención foi posible grazas á colaboración cidadá. Todo ocorreu pouco despois da media noite, sobre as 00.30 horas. Un veciño chamou por teléfono á Policía Local alertando dunha forte discusión entre un home e unha muller no interior dunha vivenda e indicou que escoitou o seus berros e choros de nenos.  

Tras recibir a chamada, os axentes trasladáronse á casa, pero nun primeiro momento ninguén lles abriu a porta. Segundo relatan fontes oficiais da Policía, escoitaron como a muller pedía ao home que deixara de pegarlle e lle permitise abrir a porta aos policías.

Pasado un tempo, logrou abrir e os axentes atopáronse con ela moi nerviosa e chorando. Contoulles que a súa parella a agredira, que non era a primeira vez e xa denunciara en anteriores ocasións. Neste caso, agarrouna polo pescozo con forza mentres lle tapaba a boca para que non berrara

Ante o relato da moza e dos veciños, os axentes da Policía Local detiveron ao home.