Detido un mozo por unha agresión sexual a unha menor ocorrida en abril en Pontevedra

Pontevedra
21 de maio 2019

A detención produciuse na mañá deste martes, pero os feitos ocorreron xa semanas atrás. A moza acudiu a denunciar tempo máis tarde -esta fin de semana- acompañada da súa nai e achegou datos do seu presunto agresor que permitiron o seu arresto. Está previsto que este martes pase a disposición xudicial

Policía Nacional na Ferrería
Policía Nacional na Ferrería / Mónica Patxot

A Policía Nacional detivo un mozo duns vinte anos como presunto responsable da agresión sexual a unha menor coa que tiña unha relación de amizade e á que, segundo denunciou a moza, obrigou a manter relacións sexuais nun lugar apartado, pero ao aire libre. 

A detención produciuse na mañá deste martes, pero os feitos ocorreron xa semanas atrás, durante o mes de abril. A moza acudiu a denunciar tempo máis tarde -esta fin de semana- acompañada da súa nai e achegou datos do seu presunto agresor que permitiron o seu arresto. Está previsto que este mesmo martes pase a disposición xudicial. 

Os feitos aínda están a ser investigados, pero a Policía Nacional xa ten o testemuño da vítima, unha veciña de Pontevedra de 17 anos que coñecía de antes ao seu agresor. Segundo relatou, quedou con el voluntariamente, pero logo el obrigouna a manter relacións sexuais. 

A Policía  Naconal tamén investiga outra agresión sexual denunciada por unha muller de 40 anos que presuntamente foi vítima dunha violación e tamén dun episodio de violencia de xénero. O presunto autor é a súa parella, un home que tamén foi detido por estes feitos. 

A muller, tamén veciña de Pontevedra, relatou que sufrira agresión física e sexual.