Detido un pontevedrés por incumprir a orde de afastamento da súa parella

Pontevedra
27 de novembro 2021

Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Pontevedra, sobre as doce e media da noite do pasado 25 de novembro, recibiron unha chamada alertando dunha forte discusión entre unha parella no interior dun piso

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra detivo a un veciño desta capital por incumprir a orde de afastamento da súa parella.

Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Pontevedra, sobre as doce e media da noite do pasado 25 de novembro, recibiron unha chamada alertando dunha forte discusión entre unha parella no interior dun piso.

Despois deste comunicado, inmediatamente, desprazouse ata o lugar unha patrulla. 

A persoa que chamou á Policía explicoulles aos axentes que eran frecuentes as fortes discusións así como os golpes, á vez que se escoitaba como unha muller dicía en voz alta "estás a facerme dano".

Cando os axente dirixíronse á porta do domicilio da parella, escoitaron con claridade a voz dunha muller. Ao chamar á porta, ábrelles un home quen inicialmente di que se atopaba só pero que, tras escoitarse a voz dunha muller no interior da vivenda, recoñeceu que se atopaba coa súa parella.

Os axentes entrevistáronse aparte con esta muller que lles explicou que o ocorrido foi unha discusión de parella e que non fora agredida. Os axentes non observaron signos de violencia.

Cando os municipais procedían á identificación da parella, comprobaron que o home, de 47 anos de idade, ten en vigor unha orde de afastamento desta muller, polo que procederon á súa detención por un presunto delito de quebrantamento de condena por violencia de xénero.

Desde a Policía Local sinalan que "unha vez mais a solidariedade e a colaboración cidadá demostrou ser determinante para atallar este tipo de delitos, especialmente en casos como este, cando a muller manifesta a súa vontade de non presentar denuncia".

"A acción directa dos cidadáns neste tipo de delitos, neste caso co seu testemuño, é imprescindible para que a Policía actúe de oficio e poida proceder á detención desta persoa e poñela a disposición xudicial", engaden.

Os delitos de violencia de xénero danse nunhas circunstancias tales, relacións afectivas, ambiente de medo, convivencia no mesmo domicilio que deixa ás vítimas a mercé do delincuente, e dota a estes feitos dunha natureza moi singular.

Esta situación explica a dificultade que en moitísimos casos teñen as vítimas para denunciar e facer fronte por si mesmas a tal estado de cousas. Por este motivo a solidariedade e a implicación da sociedade e dos poderes públicos resulta básica para afrontar este problema e tal implicación non é fácil na actualidade.