Axentes da Policía Nacional e da Policía Local de Vilagarcía de Arousa interviñan durante a madrugada deste luns para deter a un home como presunto autor do roubo de distintos obxectos no interior de sete vehículos que se atopaban estacionados na zona da Escardia.
Unha persoa alertaba á Policía minutos máis tarde das 01.30 horas indicando que un home estaba a romper os vidros dos vehículos aparcados na Rúa Vila Janer.
Na chamada, a persoa describía de maneira detallada o presunto autor dos roubos e sinalaba que se dirixía cara a Santa Lucía. Alí foi interceptado polas patrullas policiais.
O home tentou desfacerse dunha manta na que envolvía dúas grandes pedras coas que supostamente rompía os cristais dos turismos.
Foi cacheado polos axentes, que tamén recolleron dúas mochilas que o detido confesou que escondera no caixeiro dun banco e entre as cadeiras que se atopaban almacenadas na terraza dun bar da zona.
A Policía lograba recuperar diversos obxectos supostamente retirados dos turismos: uns auriculares inalámbricos, tres pares de lentes de sol, dúas lentes graduadas, un chisqueiro e diversos accesorios de teléfonos móbiles.
Axentes da Policía Local lograban localizar aos propietarios dos sete vehículos para informalos do suceso e do procedemento para presentar denuncia polos roubos e danos causados.
O detido é un veciño de Cambados, de 52 anos de idade, que responde as iniciais de J.V.M.D.