Un veciño da localidade de Noalla, de 49 anos, con numerosos antecedentes policiais, foi detido pola Garda Civil como presunto autor dun delito de roubo na sede de Cáritas que a Comunidade de Montes ten situada nesa parroquia sanxenxina.
Segundo a información trasladada pola Garda Civil, os feitos producíronse a finais do pasado mes de decembro, cando o presunto autor, aproveitando a provisión de alimentos en épocas do Nadal que reparte Cáritas, forzou a xanela de acceso ao establecemento para apropiarse de gran cantidade de produtos destinados a familias necesitadas.
As pescudas realizadas, xunto coa inspección ocular practicadas polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Sanxenxo, foron determinantes para achegar indicios obxectivos sobre a autoría do feito, que permitiu identificar ao detido nos feitos denunciados.
As dilixencias efectuadas foron trasladadas ao Xulgado de Garda de Cambados #ante o que terá que acudir o detido cando sexa citado para iso, tras ser posto en liberdade en sede policial.