Detido un vello coñecido da policía ao que sorprenderon vendendo droga nunha terraza

Pontevedra
14 de setembro 2025

A Policía Local detivo un condutor que deu positivo en cocaína e THC. Os axentes notaron cheiro a marihuana no coche e atoparon una bolsa cunha cantidade superior á permitida para consumo

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra detivo en dous días dúas persoas por un delito contra a saúde pública. Tiñan no seu poder ou vendían pequenas doses de substancias estupefacientes.

O primeiro detido foi o 5 de setembro. Os axentes municipais realizaban labores de control preventivo de alcohol e drogas cando lle deron o alto a un vehículo no que circulaba un condutor que deu positivo en cocaína e THC.

Os axentes notaron que no interior do coche había un forte cheiro a marihuana, polo que realizaron un rexistro e atoparon unha bolsa plástica co que parecía ser marihuana.

Confirmaron que a bolsa tiña un peso superior ao permitido para o consumo propio, de maneira que o condutor foi denunciado, detido e posto a disposición xudicial.

Ao día seguinte, na madrugada do 6 de setembro, os axentes localizaron unha segunda persoa vendendo droga na vía pública.

Trátase dunha persoa coñecida policialmente por intervencións de consumo e tenencia de estupefacientes. Estaba sentada nunha terraza dunha praza da cidade e os axentes observaron que intercambiaba cartos por un plástico que contiña una substancia de cor branca.

Fixéronlle un rexistro e localizáronlle once envoltorios de plástico de cor branco, supostamente cocaína, cun peso superior aos 10 gramos.

Outra patrulla policial interceptou o comprador. Xunto a unha terceira persoa dispoñíanse a consumr a substancia mercada.

O vendedor foi detido e trasladado aos xulgados e aos consumidores interpúxoselles unha sanción por consumo e tenencia de substancias estupefacientes.