Dez anos de prisión por agredir sexualmente unha nena de seis anos nun campamento ecuestre

Pontevedra
08 de xullo 2026

O monitor encargábase de ensinar aos nenos que acudían ao campamento a coidar dos cabalos que había na granxa, así como a organizar xogos diversos para entreter os menores

Audiencia de Pontevedra Pontevedra Viva

A Audiencia de Pontevedra condenou a dez anos de prisión a un monitor dun campamento ecuestre de Pontevedra que agrediu sexualmente en varias ocasións a unha nena de tan só seis anos de idade.

Os feitos, segundo consta na sentenza, producíronse en xuño de 2023.

O monitor encargábase de ensinar aos nenos e nenas que acudían ao campamento a coidar dos cabalos que había na granxa, así como a organizar xogos diversos para entreter os menores durante a súa estancia.

Durante eses días, o acusado "coa finalidade de atentar contra a integridade sexual da menor", sosteñen as maxistradas da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, en varias ocasións colleu á nena en brazos.

Aproveitaba eses momentos para apartarlle a roupa interior e tocar as súas partes íntimas.

Debido a eses feitos, aínda que a menor non sufriu danos psicolóxicos significativos, desenvolveu unha reacción de desconfianza cara ao seu coidado por terceiras persoas.

Xunto coa pena de cárcere, o tribunal impúxolle cinco anos de liberdade vixiada, que comezarán a contar cando saia de prisión.

Ademais, o monitor non poderá achegarse a menos de 100 metros da menor durante doce anos e estará inhabilitado para traballar con menores durante os próximos quince anos.

O acusado terá que pagar as costas procesuais e indemnizar á nai da vítima, na súa representación ao ser a súa titora legal, con 5.000 euros.