Entre o venres 27 e o domingo 29 de marzo, Caldas de Reis converterase nunha visita obrigada para os amantes da cociña en pequenos bocados.
A asociación de hostalaría da vila, en colaboración co Concello, poñen en marcha a primeira edición da ruta de tapas de Caldas, na que participarán dez establecementos.
O obxectivo do certame, segundo destacou o alcalde, Jacobo Pérez, é o de dinamizar o sector e amosar a creatividade gastronómica dos locais participantes.
Cada tapa custará 3 euros e a bebida pagarase aparte.
Con respecto aos horarios, as tapas serviranse o venres 27 de 19.00 a 23.00 horas, o sábado de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 23.00 horas, e o domingo de 12.00 a 16.00 horas.

Bar Torque, De Roxos, Nº2, Hotel Restaurante Sena, Hamburguesería La Burguer, Hotel Pousada Real, Restaurante Roquiño, Nuevo Varadoiro, Mesón Bermaña e O Encontro son os locais de hostalaría que participarán nesta iniciativa.
As persoas que se animen a probar as especialidades aspirarán a diferentes agasallos, en función do número de consumicións.
Así, en cada un dos locais haberá un cartón dispoñible para selar unha consumición por negocio. A clientela que chegue a cinco selos entrará no sorteo dun vale de 60 euros para gastar entre estes establecementos.
Se se completa o 'tour' das dez tapas, a opción será conseguir dous abonos para a vindeira edición do festival PortAmérica.
Para garantir a excelencia das propostas, esta primeira edición da ruta de tapas contará cun xurado de excepción, composto por grandes e recoñecidos ‘chefs’ como Fran Jamardo, Coque Fariña e Xoanqui Ameixeiras.
Haberá un premio para o establecemento gañador, téndose en conta o 60% dos votos populares e o 40% da valoración do xurado.
O presidente da asociación de hostalaría de Caldas, Jesús Fariña, subliñou que iniciativas como esta axudan a desestacionalizar a actividade do sector, consolidándoa durante todo o ano e incentivando o consumo entre veciños e visitantes.
A intención é que este evento acabe por converterse nun referente anual.