Dez novos operarios para reforzar a limpeza, obras e coidado de xardíns

Sanxenxo
09 de xaneiro 2026

As brigadas distribuiranse polas sete parroquias de Sanxenxo para atender tarefas de mantemento e adaptar o municipio ao crecemento estival

Hidrolimpadora de Sanxenxo
Hidrolimpadora de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo decidiu anticipar o reforzo do persoal municipal responsable de obras, xardíns e limpeza viaria coa incorporación de dez novos operarios ao departamento de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, baixo a dirección de Yago Torres.

Pretenden optimizar o mantemento e acondicionamento de todos os núcleos do municipio, desde pequenas actuacións ata a limpeza e a posta a punto de camiños e zonas verdes.

A nova organización contempla a creación de brigadas de ata tres operarios para cada unha das sete parroquias, o que permitirá acometer as tarefas de maneira máis eficiente e manter en boas condicións os espazos públicos.

Dos novos efectivos, tres reforzarán a área de obras, catro dedicaranse á limpeza viaria e tres traballarán na mellora de xardíns e zonas verdes. Con este reforzo, o persoal total ascende a 20 persoas.

O Concello pretende deste xeito acompañar o ritmo de desenvolvemento urbanístico e responder as necesidades derivadas das novas infraestruturas proxectadas para este 2026.

Prevese que en abril se sumen outros dez operarios máis, de cara á campaña de verán e ao reforzo proporcionado polo Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

No apartado de recursos, tamén se adquiriu unha hidrolimpadora con mangueira de alta presión, lanza, kit de limpeza e remolque con capota e depósito de 400 litros, por un importe próximo aos 14.000 euros.

Esta nova ferramenta permitirá a limpeza autónoma de prazas, lavadoiros e outros espazos públicos, mesmo en lugares sen acceso a tomas de auga ou electricidade, e será especialmente útil na eliminación de grafitis e musgo.