Durante os últimos días, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) recibiu un considerable volume de consultas sobre o caso das clínicas dentais Vitaldent. Tantos que esta organización considerou oportuno elaborar un decálogo de recomendacións básicas para as persoas usuarias das clínicas Vitaldent que foi remitido ás Oficinas Municipais de Información ó Consumidor (OMIC) de Galicia.
A principal recomendación da Unión de Consumidores é a de manter a calma xa que a investigación xudicial non ten por que afectar finalmente aos clientes de Vitaldent.
As clínicas están obrigadas a realizar os tratamentos contratados mantendo os estándares de calidade e prezo previamente pactados.
Unión de Consumidores de Galicia aconsella contactar cos seus servizos ante calquera incumprimento ou incidencia. Neste punto, valora o maior risco no caso de establecementos que pertencen á rede de centros do franquiciador pero sen desbotalos totalmente no caso de empresas franquiciadas.
Un dos puntos máis importantes do decálogo atinxe á recompilación da documentación relacionada cos tratamentos contratados, unha información que a empresa ten a obriga de facilitar e máis nun contexto no que a máxima transparencia e cooperación debe ser a norma e non a excepción.
Esta asociación tamén aconsella ós clientes que esixan sempre o cumprimento do tratamento antes de resolver o contrato e que se atenda á natureza do tratamento, á fase na que este se atopa así como á forma de pagamento acordada.
Por último, aconsella a aquelas persoas que tivesen pensado iniciar un tratamento con Vitaldent, esperar ata que a situación se normalice e se comprobe que a investigación xudicial non incide no correcto funcionamento das clínicas dentais.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.