Dezaoito millóns anuais para humanizar "quilómetro a quilómetro" a rede provincial de estradas

Pontevedra
23 de agosto 2022

Cun financiamento estable, un mínimo de 18 millóns de euros anuais ata 2030, e con criterios "moi claros" que poñan ás persoas "no centro de todas as actuacións". Así pretende a Deputación de Pontevedra transformar toda a súa rede de estradas

Presentación do plan estratéxico de vías provinciais
Presentación do plan estratéxico de vías provinciais /

Cun financiamento estable, un mínimo de 18 millóns de euros anuais ata 2030, e con criterios "moi claros" que poñan ás persoas "no centro de todas as actuacións". Así pretende a Deputación de Pontevedra transformar toda a súa rede de estradas.

Farao a partir dun documento técnico, o plan estratéxico de vías provinciais 2030, que presentaron este martes o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o deputado responsable de Infraestruturas, Gregorio Agís.

"Quilómetro a quilómetro, e pasen por onde pasen, as estradas provinciais seguirán recibindo a mesma atención, porque a seguridade viaria non entende de predileccións en función da cor política das alcaldías", destacou este último.

O obxectivo deste plan estratéxico, segundo Agís, é que as estradas provinciais contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas, reforzando o "modelo de convivencia" polo que apostan desde 2015 e que pretenden completar no horizonte do próximos oito anos.

Para transformar toda esta rede, composta de 1.625 quilómetros en 368 estradas, o plan identifica ata 28 liñas de actuación, resumidas na reconversión destes viais en "infraestruturas saudables e seguras", promovendo unha mobilidade sostible que atenda de maneira preferente aos usuarios máis vulnerables, os peóns e os ciclistas.

Ademais, a Deputación incluirá criterios que recollen a solidariedade interritorial, priorizando viais pequenos para evitar o despoboamento, a visión de xénero, a adaptación ao medio natural e ao patrimonio ou a orientación as estradas aos cambios tecnolóxicos no transporte.

Este plan estratéxico, reiterou o deputado socialista, "non entende as estradas provinciais como vías que comunican ou punto A co punto B, senón como un continuo edificado e con xente vivindo ás beiras", polo que se debe actuar en consecuencia. 

No investimento anual que fará a Deputación inclúense obras como o pintado, a sinalización, as rozas ou o cambio de pavimentos, que serán "universais e sistemáticos", segundo explicou César Mosquera, a instancia dos técnicos provinciais.

Entre as liñas de actuación estarán tamén a mellora e impulso de itinerarios peonís ou camiños escolares seguros, a renovación de paradas de autobuses, dotar de maior seguridade aos cruces ou a electrificación e dixitalización das infraestruturas.

En canto ás obras de reforma integral ou urbanización, o vicepresidente provincial avanzou que se abordarán en convenio cos concellos, que deberán achegar entre un 20e un 30% do custo total do proxecto e ceder os terreos necesarios.

"Non hai unha obra que se propoña, na que o concello cumpra, e que estea parada pola nosa parte. Se está todo, para adiante!", sentenciou Mosquera, que asegurou que "trátase non só de facer máis senón de facelo mellor e de ser exemplares".