Día grande de celebración gastronómica na Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

Umia
03 de marzo 2024

Vendéronse 2.500 tickets do tradicional prato nunha xornada onde o lacón foi o protagonista cun éxito organizativo do Concello de Cuntis na programación de numerosas actividades que animaron o público durante todo o domingo

Festa do Lacón con Grelos en Cuntis
Festa do Lacón con Grelos en Cuntis / PontevedraViva

A Festa do Lacón con Grelos de Cuntis venceu a chuvia e milleiros de persoas gozaron durante este domingo 3 de marzo a xornada grande que alcanzaba o 25 aniversario.

Desde primeiras horas da mañá estiveron en marcha as diferentes actuacións folclóricas coa Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e o desfile da Asociación Cigarrón de Verín e a súa banda de Gaitas.2

Ás 12.15 horas iniciábase o pregón do humorista e actor Pepo Suevos seguido por numeroso público e polas autoridades que asistiron ao evento gastronómico.

Nesta xornada tamén se desenvolveron as habituais actividades de exhibición coa celebración da XVI edición de 'A camelia no Lacón con grelos' a exposición 'Un baño de mel', na Praza de Abastos; a de 'Cerámica de Castrolandín' e a XIV Mostra de Encaixe das palilleiras. Todo amenizado coa Charanga Los Támega.

Segundo os datos ofrecidos polo alcalde Manuel Campos despois de enumerar os tickets vendidos pola organización, arredor de 2.500 persoas dábanse cita na carpa para degustar o exquisito lacón con grelos preparado para a ocasión.

Tamén os restaurantes da vila participaron do evento ofrecendo aos seus clientes o prato típico que, ademais, entraba moi ben no corpo debido ao tempo invernal.

Durante a tarde, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de participar nas atraccións e na actuación infantil de Peter Punk; a animación do Dúo Background e, ás 19.30 horas, no velorio e posterior enterro do Chapante, figura local que ridiculiza os corruptos.

Ao acto acudían, entre outras autoridades, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; a deputada provincial Isabel Couselo; ademais do alcalde de Cuntis, Manuel Campos e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes e numerosos concelleiros doutras localidades da contorna.