A corporación municipal de Pontevedra apoiou este mércores o traspaso da unidade de atención á drogodependencia (UAD) á Xunta de Galicia. Fíxoo por unanimidade nunha sesión extraordinaria do pleno que durou apenas uns quince minutos.
Para a responsable da área municipal de benestar social, Anabel Gulías, é "inexplicable" que a transferencia ao Servizo Galego de Saúde dun servizo que xestionaba o Concello e que é un "verdadeiro centro sanitario" demorárase durante preto de vinte anos.
"Era unha competencia impropia que nunca debeu ser traspasada aos concellos", subliñou a edil do BNG na súa intervención, xa que ademais de contar con persoal médico, no caso de Pontevedra, atendía a unhas 60.000 persoas de doce concellos.
Durante estas dúas décadas, defendeu Gulías, o goberno municipal "sempre mantivo a mesma postura" e consideraba unha "cuestión vital" traspasar a UAD ao Sergas "para mellorar a calidade asistencial", algo para o que o Concello "puxo sempre todas as facilidades".
Agora será posible, segundo destacou, "tras anos de carteo, correos electrónicos e reunións de traballo formais e informais", de forma que todo o persoal sanitario integrarase no Sergas e o administrativo, en concreto un informático, no Concello.
Ademais, unha das traballadoras sociais da unidade pasará a reforzar o departamento municipal de servizos sociais, tal e como confirmou a concelleira desta área.
O Concello cederá á Xunta o uso das dependencias da UAD, en Valentín García Escudero, ata que se asine o convenio definitivo e todos os contratos "intimamente ligados" ao seu funcionamento, entre eles limpeza e seguridade, asumiraos o Sergas.
"Este pleno serve para corrixir un erro que non tivo que suceder", sentenciou Anabel Gulías, que, iso si, recoñeceu que lle gustaría que este proceso fora "menos improvisado e máis ordenado" e que contara xa cun plan asistencial.
O socialista Iván Puentes, pola súa banda, que este é un "día de alegría" e indicou que "o tempo dá a razón e pon as cousas no seu sitio", ao entender que a UAD non era algo que tivesen que asumir nin custear os concellos.
Confía en que con este traspaso da unidade ao Sergas, a UAD poida contar con condicións "dignas" e os medios necesarios para que todos os seus usuarios teñan unha atención "axeitada", de forma que non todo dependa do "esforzo sobrehumano" dos seus traballadores.
A eles sumouse o portavoz do PP, Rafa Domínguez, que tamén se congratulou por este acordo porque "es bueno para Pontevedra" e para os pacientes que atende, persoas "frágiles" que, en moitas ocasións, necesitan unha boa atención psiquiátrica.
"Vuelve a estar donde debería estar desde hace tiempo", sinalou Domínguez, que con todo si criticou por encima que durante todos estes anos de xestión municipal o Concello non prestara a "atención necesaria" a esta unidade.