Días de limpeza dos leitos nos ríos que cruzan a vila

Marín
25 de setembro 2021

Os concelleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Pablo Novas e Marián Sanmartín, acudiron á contorna do río Lameira para comprobar o avance desta actuación, que permitirá evitar desbordamentos na época de chuvias intensas no inverno.

Os concelleiros observan o inicio da limpeza do río Lameira
Os concelleiros observan o inicio da limpeza do río Lameira / Concello de Marín

Os concelleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Pablo Novas e Marián Sanmartín, visitaban durante este venres o río Lameira para seguir o inicio dos traballos que se desenvolven neste punto para eliminar maleza no trazado e limpar o leito para que o caudal de auga discorra sen obstáculos.

A actuación supón un investimento superior aos 11.600 euros e, durante os próximos días, executarase a limpeza dos laterais e do fondo do río, triturando a maleza cunha máquina rozadora manual de disco. Todo o material plástico e os residuos das especies vexetais serán retirados a unha entulleira, segundo informan desde o Concello de Marín.

O río Lameira é o primeiro que se limpará. Os traballos inícianse en Ponte Zapal e continuarán ata a ponte de Coirados. Tamén se acondicionará o regacho que transcorre por detrás do CEP Sequelo.

O río da Grela será abordado desde a ponte de Coirados ata o Lavadoiro da Presa, mentres que o río da Laxe someterase a limpeza desde a ponte do Camiño do Peso ata a parcela traseira ao supermercado, incluíndo tamén o corte e a recollida das canas do noiro do CEIP da Laxe.

Tamén se traballará no río Lapamán, desde a estrada xeral ata o camiño e o río Castiñeiras, desde o Lavadoiro de Coirados ata o muíño antigo na Roza.

Estes labores realízanse todos os anos coa entrada do outono e a intención do  Concello é evitar problemas de desbordes de auga e de presenza de atrancos no leito que poidan desencadear danos en zonas habitadas polas que atravesan estes ríos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora