Diego Calvo comproba a mellora enerxética executada pola Xunta no edificio dos xulgados en Marín

Marín
06 de outubro 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este venres os xulgados da localidade pontevedresa de Marín para comprobar a mellora enerxética executada pola Xunta neste edificio

O vicepresidente Diego Calvo visita os xulgados de Marín
O vicepresidente Diego Calvo visita os xulgados de Marín / Xunta de Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este venres os xulgados de Marín para comprobar a mellora enerxética executada pola Xunta neste edificio.

Nesta visita estivo acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Segundo explicaron, estes traballos supuxeron un investimento superior aos 261.000 euros, enmarcado na aposta da súa Consellería por dotar Galicia de infraestruturas xudiciais sustentables e accesibles, "a prol do benestar do persoal e das persoas usuarias" para que podan traballar nas mellores condicións de confort.

Diego Calvo sinalou que trátase de conseguir "unha optimización das instalacións e de reducir o consumo asociado á súa utilización", apuntou.

A obra levada a cabo incluíu a substitución das carpinterías exteriores existentes, o lucernario da cuberta, e as luminarias fluorescentes por outras de tipo led con control de presenza. Ademais, instalouse un cortaventos no acceso ao edificio cunha porta automática, reforzouse o illamento da cuberta e retellouse a ala norte que estaba en mal estado, entre outras melloras. 

O vicepresidente primeiro incluiu esta reforma levada a cabo nos xulgados de Marín no compromiso da Xunta co impulso ás infraestruturas xudiciais, ás que destina nos orzamentos deste ano 1,6 millóns de euros só para obras de eficiencia enerxética.

Nesta liña, Diego Calvo referiuse tamén ao Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con 127 millóns de euros, co que se están a impulsar novas instalacións, como a Cidade da Xustiza de Vigo,  e a reformar as existentes como os novos xulgados da Estrada, cuxa construción arrincou esta semana.