Dispositivo especial de tráfico nos accesos aos cemiterios desde o venres ata o domingo

Pontevedra
29 de outubro 2020

Durante as xornadas do venres 30 de outubro, sábado 31 e domingo 1 de novembro, ante a previsión dunha maior presenza de visitantes aos camposantos, a Policía Local de Pontevedra estableceu un operativo de tráfico con entradas e saídas diferenciadas nos accesos aos cemiterios municipais de San Amaro e de Lérez

Plan de tráfico no acceso ao cemiterio de Lérez
Plan de tráfico no acceso ao cemiterio de Lérez

A pesar da situación de pandemia, a Policía Local de Pontevedra en previsión dunha influencia importante de visitantes aos cemiterios durante esta fin de semana estableceu un plan de tráfico para acceder aos dous camposantos municipais, o de San Amaro e o da parroquia de Lérez.

Neste plan contémplase unha vía de entrada e outra de saída para evitar retencións e complicacións na circulación. No caso de San Amaro, o acceso ao cemiterio realizarase desde a rúa San Amaro cara á rúa Camposanto. Impedirase o acceso de vehículos que procedan a través de rúa Pintor Laxeiro conectando por Camposanto. Desviarase o tráfico á altura da rúa Pintor Ricardo Portela cara á avenida Juan Carlos I.

En San Amaro cortarase o vial de servizos do cemiterio de 08.00 a 21.00 horas e está previsto que se estableza sentidos únicos para a circulación de peóns no interior do recinto, segundo anunciou a concelleira responsable Carmen Fouces.

No caso do cemiterio de Lérez establecerase un sentido único de circulación de vehículos. Desta forma, o acceso farase polo interior habitual da zona da Piolla e a saída levará a cabo seguindo esta mesma vía cara á o Outeiro. Alí, os vehículos accederán novamente á estrada de Campo Lameiro.

Protección Civil realizará un servizo nos cemiterios de San Amaro, Lérez e Lourizán en horario de 08.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 20.30 horas.

Activarase o sentido único de circulación tanto na rúa Camposanto como no acceso ao cemiterio de Lérez entre as 08.00 horas ata as 21.00 horas.

MEDIDAS  COVID NON MERCADO DE FLORES

A venda de flores do día de 'Todos os Santos' realizarase na praza da Ferrería, como é tradicional, durante os días 31 de outubro e 1 de novembro. 

O goberno local lembra que as persoas que realicen a venda deberán manter o distanciamento de dous metros cadrados entre os postos. Redúcese o número total dos postos de venda a 33, por razóns de seguridade.

Estableceranse fluxos de circulación peonil con puntos de entrada e saída diferenciados na praza. Na entrada ao recinto, o público poderá utilizar os dispensadores de xel hidroalcohólico instalados.