Cunha vintena de conferencias, obradoiros, presentacións, concertos e outra serie de actividades celebrará o campus de Pontevedra, entre o 17 e o 21 de abril, a que é a semana de referencia do seu proxecto de especialización, CREA S2i. A Semana da Creatividade e da Innovación achegará a Pontevedra ao director e produtor Juanjo Giménez, nomeado ao Óscar pola súa curta Timecode; así como ao gañador de dous premios Goya Alberto Vázquez.
No programa desta semana conviven actividades transversais con outras máis específicas de cada centro, pero abertas á cidadanía, coa excepción daqueles obradoiros nos que será precisa unha inscrición previa.
A segunda edición do concurso de fotografía en Instagram dedicarase a reflectir en imaxes os compromisos adquiridos no proxecto Green Campus.
A Casa das Campás acollerá a exposición "Onde pisas?", que amosa en diferentes paneis a historia e a evolución da Xunqueira.
A sede da Vicerreitoría tamén acollerá nesa xornada un coloquio titulado "A mediación, procedemento para resolver conflitos e pacificar a vida das persoas, " a cargo de Ángel Torres e Jennifer Herbón, mentres que, ao día seguinte, o director teatral Quico Cadaval e a decana de Belas Artes, Silvia García, protagonizarán un coloquio sobre creatividade visual e verbal nunha facultade que tamén acollerá unha charla do egresado Carlos Seijo sobre creación de contidos con realidade virtual.
Cun obradoiro sobre exercicios hipopresivos para o tratamento de patoloxías e unha saída de campo que levará ao alumnado a percorrer en kaiak o Umia sumaranse a Facultade de Fisioterapia e a Escola de inxeñería Forestal a esta semana na xornada do venres, na que esta última acollerá tamén a entrega de premios do seu segundo Concurso Intercentros. Xa pola tarde, a conferencia "Do papel ao píxel" levará de volta á Belas Artes ao seu ex-alumno Alberto Vázquez, cuxo labor no eido da animación vén de ser recoñecido con dous premios Goya.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.